Wednesday 08 de May de 2024

Inés Rey defende a marca atlántica e a gastronomía sustentable no foro de Saborea España que se celebra en Tenerife


A Coruña formará parte da comisión executiva da plataforma de turismo gastronómico e acollerá a súa próxima asemblea xeral

Inés Rey fixo esta mañá desde Tenerife, onde participou nun encontro da Asociación de Destinos de Saborea España, unha defensa da marca atlántica e da gastronomía sustentable e responsable, así como dos restauradores locais que apostan polo produto local, desde a cociña tradicional á de vangarda.

A alcaldesa mostrou a súa satisfacción porque A Coruña estea presente de forma máis activa nesta plataforma de turismo gastronómico, xa que os seus obxectivos coinciden plenamente cunha das prioridades da política turística do Goberno local que é a de posicionar a cidade “como destino gastronómico de primeira orde e seguir avanzando na consolidación da gastronomía como un dos principais reclamos turísticos da cidade”

A rexedora anunciou que A Coruña entrou a formar parte da comisión executiva da plataforma de turismo gastronómico Saborea España, e acollerá o próximo ano a asemblea xeral da entidade. Inés Rey, acompañada da concelleira de Turismo e Comercio, Diana Cabanas, a xerente do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud; e a técnica de Turismo, Susana Fernández, participou en Tenerife nun encontro da Asociación de Destinos de Saborea España na que se renovaron os cargos directivos.

Segundo datos achegados polo Consorcio de Turismo da Coruña , máis dun 20% do total de turistas que elixen España como destino de viaxe fano por motivos gastronómicos. Por iso, sinalan, a posta en valor e promoción da nosa gastronomía é fundamental para captar este segmento turístico, un dos eixos nos que se traballa desde a plataforma Saborea España.

Saborea España é unha asociación propiciada en 2009 pola Secretaría de Estado de Turismo do Goberno de España. Trátase da primeira plataforma nacional con vocación internacional para potenciar o turismo e a gastronomía. Todos os axentes implicados en Saborea España traballan por uns obxectivos comúns, entre os que sobresaen o converter produtos turísticos en experiencias gastronómicas; ampliar o concepto de turismo gastronómico e traballar o concepto cultura gastronómica española sustentable, auténtica, vinculándoa ao territorio e á posta en valor do produto local.

Desde o Consorcio sinalan que o traballo que vén realizando a plataforma nacional de impulso e desenvolvemento gastronómico, Saborea España, foi fundamental para que o noso país fose escalando postos na clasificación de turismo gastronómico mundial, converténdose xa nunha realidade como destino de gastronomía e nunha auténtica potencia no sector.